Des-todo

Desafogando Destrozando Desquitando Des-todo

Mi foto
Nombre:
Lugar: Santiago de Compostela, Galiza, Spain

Nun papel di que son xornalista. Creo que máis ben son contadora de historias. Será porque son teatreira de corazón. Collo un oco na rede para contar historias, miñas e de outros. Túas. Para que sexan nosas. Se queres falar comigo, atendo en elimaral@gmail.com

jueves, agosto 19, 2004

Mutan (baseada en feitos reais)

Tres novos puntiños vermellos ocuparan a miña cara. Como picaban... Malditos mosquitos. Cando me mirei no espello vin que ademais dos tres volcáns que me fixera o simpático compañeiro de cama, tamén se ocupara do meu pescozo, e polo que me proía a man, tamén pasara por alí.
Aínda en camisón fun polo flis flis que acabaría coa súa infame vida. Quiteille o envoltorio, aínda estaba sen estrenar. "Magnífico- murmurei como neomosquitarricida-, ti probarás o novo flis que mercou miña nai".
Pulvereicei o cuarto aplicándome sobre o zugador-insecto e dirixinme á ducha.
Ao sair da ducha sentín que algo batía na porta. "Miña nai, a berrarme polo consumo excesivo de auga quente", pensei. Pero ignorando o ruído púxenme a secar o cabelo conciencudamente "ti cara a dentro, ti cara a fóra".
"Esquéceme!!", pero nin cos meus berros de histérica faxionvictim logrei disuadir a miña nai. "Seguro que me dá a brasa por deixar o flis flis-a palabra espray arrepíame- enriba da cama".
Tapeime coa toalla- que sexy estaba, falando de todo un pouco-, e saín disposta a ter unha nova bronca con miña nai. A toalla foi dar ao chan ao abrir a porta. Como consecuencia do abuso de flis flis o mosquito mutara e case non tiña espazo dentro do cuarto.
Cando me veu, lembrouse de min e, sedento de vinganza, despois de escupirme tragoume con aquela boca noxenta. Todo se fixo escuro. Eu quedei atrapada no esófago simulando saída de Misión Imposible, tratando de non chegar ao estómago co seu xugo gástrico, o seu sangue...
Daquela entrou miña nai, disposta a protagonizar a dúo comigo un novo episodio de agresividade doméstica (nunca chegamos ás mans). Non se percatou da gravidade do asunto polo mosqueo descomunal que tiña, asi que nin curta nin perezosa comezou a darlle cun matamoscas ao mosquito xigante. Evidentemente non lle afectou no máis mínimo. Todo aquel que coñeza a miña nai sabe que non é quen de recoñecer unha derrota: a testalana non hai quen lle gañe. Na cociña fíxose cun macrocoitelo co que tronzou ao supermosquito e así logrei salir do noxento insecto.
"Limpa este cuarto, que parece unha pocilga. E dúchate, que mira como estás". ¿Comprendedes por que non podo levarme ben con miña nai?

viernes, agosto 06, 2004

O mar

Vivira os seus vintecino anos pechada en Madrid, nunca saíra da cidade. Nunca lle fixera falla. Acababa de aprobar esas malditas oposicións. Toda unha vida estudiando para ser mestra e por fin sacara unha praza sen ter que recurrir a amiguismos. Estaba moi orgullosa de si mesma.
Pero á vez estaba moi decepcionada. Sentíase defraudada. Asignáranlle como destino unha escola unitaria perdida en Lugo, dubidaba que a aquel lugar chegara a civilización. Estaba preparada para o peor ano da súa vida. Xa ía anotando na axenda as datas para solicitar o cambio e voltar á súa grande urbe, chea de xente, de bares, de tendas, de automóbiles... chea de vida, como dicía ela.
Colleu un tren, e namentres atravesaba os enormes desertos de Castela, ía matinando na súa cabeza nos "gañanes" como ela os denominaba, aos que se tería quen enfrontar. De súpeto unha bágoa esvarou pola súa meixela. Non o entendía: era o que sempre quixera, e porén, a desesperación de afastarse tanto de Madrid estaba a sumila nun profundo valeiro que non a deixaba gozar da posibilidade de facer o que tanto desexara. Tal vez non quixese traballar nunha escola realmente...
Estaba aterrada perante a idea da soidade, de tanto monte que xa comezaba a ver agora por Ourense... Baixouse na cidade das burgas, e dende alí colleu un tren ata Lugo. Durmíu todo o traxecto. Cando espertou colleu un autobús que a foi levando pola costa lucense até o pobo no que ela ía traballar, unha aldea de Barreiros. Cando o taxi que colleu a deixou na casa que xa alugara dende Madrid caiu na conta de que xa comezara esa nova vida, que tanto anceiara e que tanto detestaba neste intre. Entrou dentro do seu xa novo domicilio un pouco malhumorada por aquel taxista ao que case non lle comprendera por falar nese "dialecto legalizado" que utilizaban alí.
Abríu a fiestra. Tiña o mar diante dela, por primeira vez na súa vida. Nunca pensara que fora así. Quedouse dúas horas de pé, pegada a esa fiestra, pegada ao mar. E xamais se puido despegar del dende entón.

Un día despois

Creo que faleceu agora mesmo. Non sei que sentirá. Non creo que sinta, de feito. Vexo o seu corpo inerte. Pero non o recoñezo. Non sei se é un el ou un ela. Alguén está a abrazar a esa persoa e tápalle a cara. Estou nun hospital observando esta escea, pero non teño nin idea de como cheguei aquí.
Penso que se trata dunha rapaza, aínda que hoxe en día non se pode asegurar, porque lle vexo o cabelo sobre a almofada estarricado. Que dor ten que sentir esa muller, non pode parar de chorar. Non podo facer nada por ela, en realidade non sei que fago neste cuarto. Debe ser ese morbo que sentimos ante a dor allea que me impide abandonar a habitación. Tampouco lle vexo a cara á muller que está a anegar de bágoas a face da finada, está de costas a min.
A habitación ten un aspecto estraño. Unha luz diferente xamais vista por min envolve o cadáver. Nunca antes vira un morto, así que pode que sexa por iso.
A muller incorpórase, creo que xa podo verlle a cara... Xa a recoñezo. É..., é miña nai. E o pasamento foi o meu. O primeiro cadáver que vexo.

miércoles, agosto 04, 2004

Benvid@

Declaración de intencións:
Adoro escribir. Cada quen bota fóra o que lle sobra do xeito que pode. O meu é este. Preciso comunicar. O que vou facer podería escribilo nun papel para despois queimalo ou gardalo... pero non tería sentido. Aínda que ninguén lese esta páxina, na miña cabeza estaría esa misión de contar, de terte a ti, que agora mesmo les isto, como fin e obxectivo.
Aquí: sacar fóra frustracións, desexos, anceios, utopías, fracasos, éxitos... sacalo todo, des-todo.